Gran acollida da nova guía turística ‘Combarro, patrimonio cultural de Galicia’, de Rafael Vallejo

A guía ‘Combarro Patrimonio Cultural de Galicia. Guía de su arquitectura popular y de su historia’, elaborada polo presidente da Asociación A Solaina, Rafa Vallejo, foi presentada este venres na sede da Comunidade de Montes Rega dos Agros, un acto que congregou a unhas 70 persoas, entre as que estiveron presentes representantes dos grupos da Corporación municipal e de numerosos colectivos do tecido local do concello. O alcalde, Luciano Sobral (BNG), e a concelleira de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), participaron na presentación dunha publicación que fai un extenso e pormenorizado repaso á traxectoria e evolución histórica, patrimonial, social e turística de Combarro. Tamén tomou parte o vicepresidente da Solaina, Xosé M. Martínez.

A obra, que conta cunha tirada de 2.000 exemplares de 84 páxinas, ve a luz nun momento especial, cando se conmemoran os 50 anos da declaración de Combarro como Conxunto Histórico, feito que tamén é protagonista na guía elaborada por Rafael Vallejo. Tanto o alcalde Sobral como a edil de Turismo non dubidaron en agradecer o esforzo e dedicación que, desde hai anos, vén realizando tanto o autor da publicación como A Solaina á hora de “poñer en valor e promocionar o significado e o coñecemento de todo o que ten que ver con Combarro”, ao mesmo tempo que salientaron a utilidade da guía “para por ao alcance de visitantes e da propia veciñanza o coñecemento, o significado, a historia, a singularidade e trascendencia de Combarro”.

Cada unha das persoas asistentes foi agasallada cun exemplar da guía, na que se pode atopar, ademais de información moi variada, fotografías e imaxes pertencentes a diferentes épocas e un mapa con datos turísticos de interese. Tanto o alcalde como a concelleira de Turismo fixeron extensivos os seus agradecementos á Comunidade de Montes por ceder a súa sede para a coller esta presentación. Pola súa banda, Rafa Vallejo explicou o contido do seu traballo e amosou a súa gratitude a todas as persoas colaboradoras neste proxecto.