Combarro, Pueblo Marítimo do Ano

A candidatura de Combarro presentada pola concellaría de turismo vén de proclamarse gañadora da categoría Pueblo Marítimo dos Premios Pueblo del Año en Galicia, un certame organizado polo Grupo Prensa Ibérica. A localidade costeira poiense foi a máis votada na categoría de ‘Pueblo Marítimo Gallego’, na que competía con Fisterra, Ponteceso e Baiona. O xurado foi o que elixiu ás localidades finalistas de entre as que chegaron na fase final do concurso, nas súas diferentes categorías. A partir de aí, abriuse durante os últimos días do mes de xuño o período de votacións populares.

Silvia Díaz, concelleira de Turismo de Poio

A responsable de Turismo, Silvia Díaz, amosou a súa ledicia por este premio e quixo expresar o seu agradecemento tanto á organización como “a todas as persoas que votaron pola candidatura de Combarro durante o concurso”. Ademais, Díaz ampliou estes agradecementos a “toda a xente do mar, mariñeiros, mariscadoras, peixeiras, as traballadoras das conserveiras, bateeiros, as embarcacións tradicionais, os deportes marítimos, a carpintería de ribeira, as confrarías, o marisqueo a pé e a flote, os pescadores e pescadoras de liña que están aos chocos e as luras, ás que atan os aparellos… En definitiva,  a todas as persoas que nos poñen no prato a mellor gastronomía do mundo e que viven de, por e para o mar, porque son elas as que configuran o carácter singular e distintivo do noso pobo. No seu nome recollemos este premio”, destacou.

Mesía, no ámbito agrícola; Combarro, na categoría de “pueblo marítimo”; Tui, no apartado cultural; e San Xoán de Río, distinguido a nivel tecnolóxico, foron as catro localidades distinguidas na primeira edición dos “Premios Pueblo del Año” organizados por Prensa Ibérica e os seus periódicos en Galicia, La Opinión A Coruña e Faro de Vigo. Os finalistas foron seleccionados entre as 26 localidades presentadas ao certame, por un xurado integrado por representantes de Prensa Ibérica, a Federación Galega de Municipiose Provincias (Fegamp), e as Diputacións de A Coruña, Ourense e Pontevedra. A votación popular elixiu cos seus votos aos gañadores en cada categoría a través das webs dos dous xornais.

Combarro, en pleno corazón das Rías Baixas e xoia do patrimonio galego, é proclamado Pueblo Marítimo do Ano coincidindo coa conmemoración do 50 aniversario da súa declaración como Conxunto Histórico Artístico en 1972.