
• A solicitude de atorización para as visitas guiadas a Tambo, que comezarán a partir do sábado 13 de agosto, xa está dispoñible a través da páxina web de Turismo de Poio e desde a páxina principal da web municipal do Concello de Poio
• A tenente de alcalde e titular de Turismo, Silvia Díaz e o concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, inciden na importancia de cumprir coas normas establecidas, a fin de garantir o coidado, a protección e a preservación deste emblemático enclave.

Poio, 11 de agosto de 2022.- Este xoves déronse a coñecer os detalles sobre o proceso de solicitudes para participar nas visitas guiadas oficiais á Illa de Tambo, que darán comezo a partir deste sábado, 13 de agosto. A tramitación de autorización xa se pode levar a cabo a través da páxina www.turismodepoio.gal. Ademais de achegar os datos persoais e escoller a data, resultará indispensable adquirir billete nos portais web (ou ‘in situ’ no porto de Combarro) das navieiras dispoñibles para trasladarse, Mar de Ons e Cruceros Pelegrin
Díaz e Agís salientaron o feito de que a regularización das visitas sexa xa unha realidade apenas uns meses despois de que o Concello asinase co Ministerio de Defensa a concesión pola que a Administración local pode xestionar este emblemático espazo. A día de hoxe o acceso a Tambo só estará permitido a través desta fórmula, non estando autorizados os accesos a través doutro tipo de embarcacións ou dende a praia. “Para nós é imprescindible e prioritario garantir a protección e o coidado do patrimonio cultural e natural da illa, algo que é compatible coa recepción de visitas, sempre e cando se cumpran unha serie de normas e directrices básicas para facilitar a súa preservación”, apuntaron.
Están dispoñibles visitas organizadas a Tambo de venres a domingo e festivos dende o presente mes de agosto. A duración aproximada de cada unha das excursións é de aproximadamente tres horas. Durante a estancia na illa, as persoas inscritas realizarán o percorrido acompañadas de guía e terán ocasión de coñecer os atractivos e puntos de interese como as ruínas do lazareto, a antiga capela de San Miguel ou o polvorín. Ademais, a Concellería de Turismo ofrece un folleto específico con toda a información sobre este enclave, situado en pleno corazón da ría de Pontevedra. O Concello tamén ofrece a opción de reserva de datas para asociacións e colectivos.
Silvia Díaz e Gregorio Agís incidiron tamén na necesidade de que a apertura da illa á cidadanía sexa, de momento, “de xeito moi controlado”, para garantir a súa preservación, ao tempo que se avanza na tramitación para conseguir que Tambo pase a ser declarado Espazo Natural de Interese Local (ENIL).
