Avanzar na desestacionalización, obxectivo do novo goberno de Poio tras un agosto de bos datos turísticos
  • A ocupación media en hoteis e outros establecementos supera o 83%, mentres as vivendas turísticas rexistran un 94%.
  • 9 de cada 10 prazas de aloxamento dispoñibles no municipio estiveron ocupadas todo o mes
  • As oficinas turísticas atenderon a case 5.000 visitantes, un 15% máis que en 2022, destacando o éxito no traslado temporal do posto de información de Combarro á Praza da Chousa durante a Festa do Mar

 

Informador municipal atendendo a visitantes no Punto de Información na Praza da Chousa, durante a Festa do Mar 2023
Informador municipal atendendo a visitantes no Punto de Información na Praza da Chousa, durante a Festa do Mar 2023

A concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, valorou positivamente os datos de pernoctacións correspondentes ao mes de agosto, cunha ocupación media do 83,33% das prazas de aloxamento dispoñibles en hoteis, albergues e outros establecementos do municipio, e avanzou que, despois dun verán que cumpriu expectativas, o obxectivo marcado polo novo goberno local é “avanzar na desestacionalización”.

Os datos mensuais da serie estatística, recopilada con información de máis de trinta establecementos turísticos, debulla un mes “moi satisfactorio para o sector, en consonancia cos datos rexistrados na contorna e superando expectativas”. Cómpre destacar que a ocupación media superou o 80% en todas as parroquias, o que para Cochón fala “da calidade e a forza do sector ao longo e ancho do municipio”.

Asemade, as vivendas turísticas (VT) e de uso turístico (VUT) que operan no concello case que colgaron o cartel de ‘completo’ durante o mes, ao  rexistrar unha ocupación media do 94%, conforme aos datos subministrados pola asociación Aviturga.

Cochón subliñou que segundo estas cifras, e agrupando as distintas modalidades de aloxamento existentes no Concello, “9 de cada 10 prazas turísticas dispoñibles estiveron ocupadas durante o mes de agosto”. Un dato excelente que só e posible grazas “a profesionalidade, a diversidade e o dinamismo que ofrece o turismo poiense”.

Por outra banda, as oficinas de información turística municipais atenderon a 4.716 visitantes en agosto, 15% máis que no mesmo mes de 2022. Un aumento ao que contribuiu a ubicación temporal da oficina de turismo de Combarro na Praza da Chousa durante a Festa do Mar celebrada entre os días 24 e 27 cun formato renovado.

Así, durante os catro días que durou este evento, os informadores turísticos municipais que atendían ese posto temporal deron atención personalizada a máis de 1.200 viaxeiros de entre os miles que visitaron Combarro eses días, algo que Cochón quixo agradecer: “Foi un esforzo considerable dentro do gran traballo que xa están levando a cabo durante todo o verán, e grazas a estes profesionais, os que nos visitan teñen aínda máis motivos para desfrutar da súa estancia e repetir”.

“A atención na Chousa foi, ademais dun éxito, unha experiencia moi valiosa de cara a proxectos futuros”, indicou Cochón, xa que “esa praza e Combarro son con frecuencia o mascarón de proa do noso Concello, o primeiro que ven, coñecen as persoas que nos visitan, e polo tanto son chave para dar a benvida, proxectar a nosa mellor imaxe e traballar cara un obxectivo esencial, a desestacionalización”.

 

POIO, DESTINO ÚNICO E “VISITA OBRIGADA” NAS RÍAS BAIXAS

Nese sentido, Cochón subliñou os esforzos do novo Goberno por impulsar un dos motores da nosa economía pero tamén un sector “que define a nosa identidade”, xa que “falar de Poio é facer unha invitación a descubrir un lugar único e un dos destinos máis completos posibles”.

A responsable de Turismo apuntou que, ademais das miles de persoas que fan noite nos distintos aloxamentos do municipio, “hai moitísimas que visitan e atravesan o noso concello e desfrutan cada día da nosa hostelería, comercio, natureza, cultura…”

Unha “visita obrigada” para quen viaxa a Galicia e particularmente ás Rías Baixas, con experiencias moi arraigadas como os paseos polo Conxunto Histórico-Artístico de Combarro, os festexos e eventos, a gastronomía… pero tamén outras actividades con cada vez máis demanda, como a peregrinaxe polas variantes do Camiño de Santiago ou as viaxes á Illa de Tambo, que converten Poio nun referente do turismo de pernocta e tamén excursionista.

“Despois de analizar polo miúdo os datos estivais, a partir deste mes e conxuntamente co sector iremos dando a coñecer e poñendo en práctica propostas innovadoras dirixidas a avanzar na desestacionalización e centradas en construír un destino aínda mellor para visitantes, para a xente do sector e para todos os veciños, os 12 meses do ano”.