Sendas para percorrer a costa
Un dos grandes atractivos de Poio é o seu extenso litoral con máis de 15 quilómetros de ribeira chea de praias e calas aptas para o baño, pequenas enseadas, áreas de rochedo e singulares poboacións mariñeiras como o núcleo histórico de Combarro.
Para percorrer este auténtico balcón á ría de Pontevedra que é a costa de Poio existen varias sendas litorais para realizar a pé.
O nome deste percorrido débese a que transcorre por unha área litoral que outrora era das de maior produción de ostra na ría. De feito, neste lugar edificouse en 1868 o primeiro parque de ostricultura da península Ibérica. Con todo, co paso do tempo a sobreexplotación do recurso fixo desaparecer a actividade, aínda que deixou pegada na toponimia.
A senda ten unha lonxitude de 1,8 quilómetros, é de ida e volta e presenta unha dificultade baixa. Pódese iniciar no peirao de Campelo en San Xoán de Poio. O camiño transcorre pola costa con fermosas vistas da ría de Pontevedra, a illa de Tambo e o Illote dos Ratos, ata a Área Recreativa de A Seca. Desde esta zona pódese continuar o paseo Roteiro dos muiños de A Freixa.
Esta senda percorre parte da costa de Samieira, pasando por pequenas calas e zonas de carballeira. O percorrido é de baixa dificultade e posúe unha lonxitude total de 1,2 quilómetros. O camiño comeza no peirao de Covelo e discorre pola costa da parroquia de Santa María de Samieira, pasando polas praias de Covelo, O Caeiro e Laño. Ao final do roteiro pódense contemplar as fermosas vistas da ría de Pontevedra desde o miradoiro de Laño. Moi preto atópase un dos roteiros de sendeirismo máis bonitos da localidade, o Roteiro dos Muiños de Samiera.