Arte rupestre con vistas á Ría
O principal conxunto rupestre de Poio atópase no lugar da Caeira, na ladeira sueste do Monte da Tomba, cunha vista espectacular sobre a ría de Pontevedra.
A visita á Área Árqueolóxica compleméntase co Centro de Interpretación onde se mostran en detalle as características dos petróglifos prehistóricos existentes no municipio.
Na exposición permanente faise un percorrido didáctico polos diferentes gravados, os motivos representados, os seus significados e as investigacións arqueolóxicas.
Unha das pezas destacadas do centro é unha reprodución en 3D a tamaño real do petróglifo de Pozo Ventura, unha das estacións máis importantes do municipio de Poio pola súa excepcionalidade, xa que lembra gravados similares localizados en Bretaña e nas illas británicas.
A visita complétase cun audiovisual que ilustra como era a vida hai 4.000 anos na Idade do Bronce e un xogo interactivo pensado para o público infantil e xuvenil.
Horarios e servizos do centro
Casal de Ferreirós, Avda. Andurique nº43, 36163 Poio, Pontevedra.
Teléfono: 986 770 001 / extensión: 1312/1313.
Mañás de 9:00 a 14:00 h. (de luns a venres).
Sábados, domingos e festivos pechado.
Acceso gratuíto. Para visitas guiadas é necesario concertar cita previa.
Servizos: baños e aparcamento.
A Arqueolóxica da Caeira comprende un grupo de oito rochas con figuras gravadas en granito datadas na Idade do Bronce, hai uns 4.000 anos.
As estacións máis espectaculares son “Laxe das Lebres” e “Pedra Grande de Montecelo”. Na primeira apréciase un conxunto de máis de 20 cervos repartidos pola pedra. Entre todos chaman a atención dous animais, probablemente macho e femia, colocados simetricamente un enriba do outro como simulando unha especie de reflexo. Esta representación icónica foi portada do Corpus Petroglyphorum Gallaeciae, o primeiro gran estudo sobre petróglifos galegos do pioneiro Ramón Sobrino Buhigas.
Pedra Grande de Montecelo é pola contra un gran panel onde predominan os gravados xeométricos. Nela apréciase arredor dunha vintena de círculos concéntricos, pero tamén coviñas, figuras cuadriculadas e cruces.
O mellor momento
O mellor momento para visitar estes gravados correspóndese coas primeiras horas da mañá xa que a luz do sol incide de maneira oblicua nas rocas xerando sombras e mellorando substancialmente a visibilidade dos motivos.
Os accesos
Todos os gravados están situados no exterior e o seu acceso é libre. As estacións están conectadas a través dunha senda con plataformas para a súa observación.
Existen dous accesos posibles á área arqueolóxica:
Acceso inferior: Rúa Illa de Tambo (Boavista a Caeira).
Acceso superior: Rúa Illa Canosa (Boavista a Caeira).