Variante Espiritual do Camiño de Santiago

Inicio:

Fragamoreira (San Xoán de Poio)

Distancia:

10 quilómetros aproximadamente (polo municipio de Poio).

Dificultade:

Baixa.

Polo municipio de Poio pasa a denominada Variante Espiritual do Camiño de Santiago. Trátase dun itinerario que une dous roteiros xacobeos: o Camiño Portugués e o Camiño do Mar, atravesando as terras do Salnés e A Arousa. Divídese en tres etapas que suman un percorrido total de 73 quilómetros partindo da cidade de Pontevedra na Praza da Peregrina. A última etapa é a tamén denominada da Traslatio, porque reproduce o percorrido por mar dos restos do apóstolo Santiago ata Padrón.

O paso do Camiño por Poio comeza polo lugar de Fragamoreira (San Xoán de Poio). Nos seus primeiros quilómetros o trazado coincide co Roteiro do Padre Sarmiento. A primeira parada importante é o Mosteiro de San Xoán de Poio e desde aquí continúase ata a enseada da Reiboa-A Seca, onde podemos visitar o Parque da Memoria. O traxecto segue pola costa ata o núcleo histórico de Combarro, onde se separa do Roteiro do Padre Sarmiento para tomar dirección norte cara ao mosteiro de Armenteira en terras do municipio de Meis.

Esta ruta foi galardoada coa distinción de “Sendero Azul 2023” outorgada pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor ADEAC.

Sendero Azul ano 2023

Esta ruta pertence á rede de Senderos Azules creada pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor ADEAC

Roteiro do Padre Sarmiento

Inicio:

Mosteiro de San Xoán de Poio (San Xoán de Poio).

Distancia:

12 quilómetros aproximadamente (polo municipio de Poio).

Dificultade:

Baixa.

Este roteiro reproduce o camiño que realizou en 1745 o monxe ilustrado frei Martín Sarmiento na súa peregrinación a Compostela e que documentou na súa obra «Viaxe a Galicia». O percorrido total de 190 quilómetros atravesa os municipios de Pontevedra, Poio, Sanxenxo, O Grove, Meaño, Cambados, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa e Vilagarcía, Catoira e Pontecesures

Polo municipio de Poio o itinerario atravesa aproximadamente 12 quilómetros da primeira etapa (Pontevedra-Sanxenxo). Desde Pontevedra chégase polo lugar de Fragamoreira e o primeiro gran punto de interese é o Monasterio de San Xoán de Poio. Desde aquí o camiño continúa en dirección á costa ata a enseada de Reiboa-A Seca, pasando polo Parque da Memoria. A partir deste punto o traxecto é completamente litoral e chega ata o núcleo histórico de Combarro para seguir en dirección oeste polas praias de Chancelas, Ouriceira, Area da Barca, Covelo, Laño e Raxó. A partir do núcleo de Raxó (San Gregorio de Raxó) o camiño continúa polo municipio de Sanxenxo.

Roteiro dos muíños de Samieira

Inicio:

Praza de Alfredo Romay Besada (San Xoán de Poio).

Distancia:

5,5 quilómetros (ida e volta).

Dificultade:

Baixa.

Este itinerario percorre un total de 23 muíños ao longo do curso do río Freiría, tamén chamado Rego dos Muíños ou Rego dos Frades. Segundo a tradición este nome débese a que, no nacemento do río, no lugar do Busto, un nobre convertido a frade edificou un mosteiro do que non quedan restos.

A senda parte da Praza de Alfredo Romay, desde o denominado Muíño de Cubo de Abaixo e transcorre río arriba sempre pegada á beira atravesando bosques de ribeira con freixos, bidueiros, abeleiras, salgueiros e carballos. Todo o percorrido está acondicionado para o paseo por un camiño de terra con numerosas pasarelas de madeira para evitar desniveis e vadear a corrente. Existen ademais zonas acondicionadas para o descanso con mesas e bancos.

Descargar Panel

Roteiro da Freixa

Inicio:

Área Deportiva da Seca (San Xoán de Poio).

Distancia:

1,8 quilómetros (ida e volta).

Dificultade:

Baixa.

O itinerario comeza e finaliza na desembocadura do regueiro da Cancela, coincidindo coa área deportiva da Seca e o Parque da Memoria, deseñado polo premio Nobel Adolfo Pérez Esquivel. O percorrido transcorre río arriba e, nun tramo de menos dun quilómetro, pásase por nove muíños dos cales sete se atopan restaurados. O coñecido como Muíño de Arriba foi ademais integramente rehabilitado con toda a maquinaria para o seu funcionamento. Ademais dos muíños son de enorme interese os pasos (pontellas) para cruzar o río, os tramos empedrados do camiño, ou as canles que conducían auga aos rodicios, como o do Muíño da Bufa de 40 metros de lonxitude.

O camiño desenvólvese por unha zona de alto valor ecolóxico, entre amieiros, salgueiros, bidueiros e carballos. Unha boa oportunidade para observar fauna variada, desde aves como lavandeiras reais, réptiles como o lagarto verdinegro ou anfibios como píntegas e ras ibéricas.

Descargar Panel

Fervenzas do Pereiro

Inicio:

Pereiro de Abaixo (San Xoán de Poio). 

Distancia:

1,5 quilómetros (ida e volta).

Dificultad:

Baixa.

Este roteiro transcorre polas ribeiras do regueiro do Pereiro, unha corrente fluvial nacida de varias fontes que conflúen na Cachada da Randa e desemboca na enseada da Reiboa-A Seca, xusto á beira do Parque de la Memoria.

O percorrido iníciase na Ponte Vella, na zona superior do lugar, e sobe polo carreiro atravesando un característico bosque de ribeira ao longo do cal pasamos por varias pontes de madeira e ata tres muíños abandonados. Un dos principais atractivos do roteiro son as fervenzas. A primeira, chamada A Pindilleira. localízase a 475 metros do inicio e ten case 7 metros de altura. A fervenza da Freixa Alta sitúase xusto ao final do carreiro e ten unha altura de 10 metros. A dificultade do roteiro é baixa, pero débese ter en conta que conta con maiores desniveis que outros itinerarios de Poio.

Senda da Ostreira

Inicio:

Peirao de Campelo (San Xoán de Poio).

Distancia:

1,8 quilómetros.

Dificultade:

Baixa.

O nome deste percorrido débese a que transcorre por unha área litoral que outrora era das de maior produción de ostra na ría. De feito, neste lugar edificouse en 1868 o primeiro parque de ostricultura da península Ibérica. Con todo, co paso do tempo a sobreexplotación do recurso fixo desaparecer a actividade, aínda que deixou pegada na toponimia.

A senda ten unha lonxitude de 1,8 quilómetros, é de ida e volta e presenta unha dificultade baixa. Pódese iniciar no peirao de Campelo en San Xoán de Poio. O camiño transcorre pola costa con fermosas vistas da ría de Pontevedra, a Illa de Tambo e o Illote dos Ratos, ata Área Recreativa da Seca. Desde esta zona pódese continuar o paseo polo Roteiro dos muíños da Freixa.

A Senda do Laño

Inicio:

Peirao de Covelo (Covelo-Samieira).

Distancia:

1,2 quilómetros

Dificultade:

Baixa.

Esta senda percorre parte da costa de Samieira, pasando por pequenas calas e zonas de carballeira. O percorrido é de baixa dificultade e posúe unha lonxitude total de 1,2 quilómetros. O camiño comeza no peirao de Covelo e discorre pola costa da parroquia de Santa María de Samieira, pasando polas praias de Covelo, O Caeiro e Laño. Ao final do roteiro pódense contemplar as fermosas vistas da ría de Pontevedra desde o miradoiro de Laño. Moi preto atópase un dos roteiros de sendeirismo máis bonitos da localidade, o Roteiro dos Muiños de Samiera.