Hórreos, cruceiros e casas mariñeiras

Combarro é unha das vilas mariñeiras de Galicia que mellor conservou a súa arquitectura tradicional. Construída integramente en granito, mantén case intactas a súa estrutura urbanística e edificacións.

Declarada Conxunto Artístico e Pintoresco no ano 1972, a súa historia está intimamente ligada ao mosteiro de San Xoán de Poio desde o século XII, cando a raíña Urraca doa a poboación ao cenobio, ata mediados do século XIX.

Folleto
Como chegar

Unha arquitectura singular

Os hórreos constitúen o elemento máis icónico de Combarro. Trátase de almacéns de cereal colocados no alto sobre alicerces (“pés”) para evitar a humidade e os roedores. Nesta zona combinan pedra e madeira, e reciben o nome local de “palleiras”. Actualmente consérvanse uns 60 e a metade están aliñados ao longo da costa ofrecendo unha característica estampa do lugar.

Con todo, son as casas mariñeiras as que lle outorgan carácter diferencial ao núcleo. A maior parte son pequenas vivendas encostadas e orientadas ao mar. Posúen unha planta baixa usada orixinalmente como almacén de aparellos de pesca, útiles de labranza e en ocasións para albergar un pequeno lagar. Moitas delas contan ademais cun estreito soportal. A primeira planta presenta un característico balcón desde onde se domina visualmente o mar. Orixinalmente os balaústres eran de madeira, ferro ou pedra e frecuentemente coloreábanse co que sobraba de pintar os barcos, dándolle á vila unha particular imaxe multicromática.

Arte en granito

Outro dos elementos característicos da poboación son os sete cruceiros de granito erixidos entre os séculos XVIII e XX. Adoitan situarse en encrucilladas e as súas funcións son diversas, podendo xogar un papel protector ou mesmo ser doazóns particulares para cumprir unha promesa. En Combarro existen varios exemplares de gran calidade artística como o cruceiro da Praza da Fonte, de 1771, con representación dun cristo crucificado e Santa Ana, ou o da praza de San Roque, de 1802. Algúns posúen unha mesa de pedra (“pousadoiro”) a modo de altar que se usaba tradicionalmente para colocar os cadaleitos nos funerais e é costume adornalos todos os anos para a tradicional procesión de Corpus.