Unha illa no medio da Ría
Tambo é o nome da illa que se atopa no medio da ría de Pontevedra, a medio camiño entre Punta Chancelas (Poio) e o porto de Marín. Ata hai poucos anos foi un lugar practicamente inaccesible para a cidadanía ao ser propiedade do Estado e porque entre 1942 e 2002 dependía directamente da Escola Naval Militar de Marín. Durante este tempo foi utilizada para albergar un destacamento que custodiaba unha polvoreira, e tamén para adestramentos e prácticas, quedando finalmente abandonada para usos militares en 2002.
Conta cunha superficie de apenas 28 hectáreas, unha característica forma ovalada e un perfil case piramidal, alcanzando unha altura máxima de 80 metros sobre o nivel do mar no cumio de San Fagundo. Ao sur existe unha pequena península onde se sitúa o faro de Tenlo Chico de 18 metros de altura da torre situada nunha base a 17 metros sobre o nivel do mar.

Unha historia propia
A pesar do seu reducido tamaño, Tambo posúe unha dilatada historia con evidencias de actividade humana desde a prehistoria. Destacan os xacementos de Area da Illa da Idade de Bronce e un castro da Idade do Ferro, coincidindo co punto de maior altura do illote.
Con todo, o momento de maior interese correspóndese coa Idade Media. No século VII san Frutuoso fundou un pequeno mosteiro en Tambo que posteriormente pasou a ser priorado dependente dos beneditinos de San Xoán de Poio, ao ser doada a este mosteiro pola raíña Dona Urraca en 1116 e estando nesa situación ata o ano de 1835, ano da desamortización.
En 1589 o pirata Drake entrou na ría de Pontevedra e destruíu o cenobio sendo botada á auga a imaxe da súa patroa Santa María de Graza. Segundo a tradición foi despois recollida polos pescadores de Combarro e trasladada ao lugar de Renda, onde construíron un santuario no que aínda se venera.
Existen datos de varias capelas construídas ao longo da súa historia. No século XVIII sobre os restos do antigo mosteiro edificouse a ermida de San Miguel, de gran devoción entre os mariñeiros. No século seguinte, o auxe do porto de Marín e en especial do transporte transatlántico fixo que en Tambo se edificase un Lazareto, que estivo en uso entre 1866 e 1879, para as corentenas de tripulantes e pasaxeiros que puidesen portar enfermidades contaxiosas. Pouco tempo despois, gran parte de illa foi adquirida polo político compostelán Montero Ríos e permaneceu baixo a propiedade dos seus herdeiros ata 1940 cando a cederon ao Estado.
Un rico patrimonio
Na actualidade en Tambo pódense ver interesantes elementos do seu pasado como as ruínas do lazareto ou a Igrexa de San Miguel, coa súa fonte. Tamén existen diversas edificacións abandonadas da época en que Tambo foi base militar, como os barracóns, a casa do oficial ou a antiga polvoreira e varios embarcadoiros.
Con todo, a illa pola súa privilexiada posición na Ría é tamén un interesante enclave natural especialmente para a observación de aves mariñas como os corvos mariños, garzas reais, martiños peixeiros, araos romeiros, lavancos ou gaivotas.