Unha xoia beneditina
O Mosteiro de San Xoán de Poio é unha das xoias beneditinas de Galicia. Declarado monumento Histórico-Artístico en 1971, a súa impoñente arquitectura acolle tesouros artísticos como os seus dous claustros, unha das bibliotecas monásticas máis importantes do Estado (máis de 100.000 volumes) e un hórreo monumental.
Actualmente segue acollendo unha pequena comunidade de monxes mercedarios, conta cunha hospedería e é punto de paso importante da Variante Espiritual do Camiño de Santiago e do Roteiro do Padre Sarmiento.
Séculos de historia
A súa fundación é atribuída a San Frutuoso de Braga no século VII e durante a Idade Media o seu poder foi crecente grazas ás doazóns particulares e dos monarcas.
En 1548 pasa a formar parte da congregación de San Bieito de Valladolid e un ano despois ábrese o Colexio Maior de Teoloxía, que gozará de gran prestixio.
A Idade Moderna abre unha etapa de auxe do mosteiro grazas ás cuantiosas rendas agrarias e mariñas recibidas, permitindo o desenvolvemento de numerosas obras que irán substituíndo os antigos edificios medievais.
En 1835 os beneditinos abandonaron o cenobio, sendo de novo ocupado en 1890, cando se instala aquí a comunidade mercedaria de Conxo (Santiago de Compostela) que restaura e amplía o edificio.
Claustros Monumentais
O mosteiro conta con dous extraordinarios claustros. O das procesións, de finais do século XVI e estilo renacentista, é o máis antigo. Trátase dunha obra do arquitecto Mateo López e destacan as súas bóvedas estreladas, as ménsulas e claves figuradas e unha fonte de tipoloxía chafariz portugués situada no centro do patio. O outro claustro é o da Portería ou dos Laranxeiros, de mediados do século XVIII. Nel atópase o gran mosaico do Camiño de Santiago realizado entre 1989 e 1992 segundo deseño do artista checo Antoine Machourek, fundador da Escola de Mosaicos.
A Igrexa
A arquitectura do templo é plenamente barroca de finais do século XVII e inicios do XVIII, aínda que conta tamén con elementos renacentistas anteriores. A súa fachada, flanqueada por dúas torres, está presidida polas imaxes de San Xoán Bautista, Santiago e Santo André. No interior hai dous extraordinarios retablos, o do altar maior con columnas salomónicas e o da capela do Cristo cunha imaxe do crucificado e unha representación da última cea.
O poder económico do cenobio
A impresionante estrutura do hórreo, localizado na horta, é mostra visible do poderío económico do convento durante a Idade Moderna. Con 123 metros de lonxitude e un excepcional apoio sobre tres fileiras de pés, trátase dun dos exemplares de maior tamaño e capacidade de Galicia.
Contactar
Rúa Convento, s/n, 36995 Poio, Pontevedra.
Teléfonos: 986 770 244 (comunidade) / 986 770 000 (Hospedería).
Pódese visitar: a igrexa, o Claustro das Procesións, o refectorio, o Claustro do Cruceiro, o mosaico, as salas de exposicións, o hórreo e a traída de auga.
Horario
De luns a sábado de 10:00 a 13:00 e de 16:30 a 19:30. Domingos de 16:30 a 19:30.
Entrada individual: 2,50 euros. Grupos (+ de 20) 2 euros.