Folclore asociado a lendas de mouras
O espazo Natural Cuna da Moura configúrase arredor dunha singular pena cargada de folclore asociado ás lendas de mouras.
A rocha localízase en Outeiro Grande, en terreos da Comunidade de Montes da Rega dos Agros de Combarro, moi próximo ao antigo Camiño Real e a menos dun quilómetro do núcleo histórico de Combarro.
Na pena vivía unha moura
Trátase dunha pena de granito cunha cavidade (pía) en forma de berce formada grazas á erosión natural e en parte modelada artificialmente. Segundo a tradición, na pedra vivía unha moura que tiña unha cinta e pedía a todas as persoas que pasaban que tirasen dela. Se rompía desaparecía o encanto e o camiñante recibiría riquezas a cambio.
Tamén era tradición entre os veciños, cando ían ao monte coas ovellas, que deixasen a merenda sobre a pena, baixo a crenza de que a moura lles traería presentes.
Actualmente o espazo está sinalizado desde o Camiño Real de Combarro e chégase ata el por un carreiro acondicionado.
Os seres míticos galegos
Para a sociedade rural tradicional galega as mouras e mouros eran os poboadores míticos dos castros, dolmens, fontes, ríos, pero tamén dalgunhas penas significativas. Críase que vivían baixo terra e que ademais gardaban fabulosos tesouros. Con frecuencia as mouras son descritas como mulleres de gran beleza que aparecen peiteando os cabelos con peites de ouro ou fiando con fuso e roca e que someten as persoas que se topan con elas a diferentes probas a cambio de riquezas.