Un balcón á ría de Pontevedra

A orografía de Poio, dominada ao norte pola serra de Monte Castrove, determinou a existencia de numerosos miradoiros con espectaculares vistas á ría de Pontevedra.

Folleto

Miradoiro de A Caeira

Sitúase na parte máis alta da Área Arqueolóxica da Caeira a 160 metros sobre o nivel do mar. Nesta zona pódese visitar o conxunto de gravados rupestres máis importante do municipio de Poio  e unha das mellores panorámicas do curso final do río Lérez ao seu paso pola cidade de Pontevedra.

COMO CHEGAR

Miradoiro de Monte Castrove

Sitúase no punto máis alto do municipio, o Monte Castrove, a 613 metros sobre o nivel do mar. Esta posición elevada permite a contemplación dunha das máis amplas panorámicas da ría de Pontevedra. Desde este punto pódese ver a cidade de Pontevedra, Marín, a illa de Tambo, toda a costa do norte da ría e a Illa de Ons.

COMO CHEGAR

Miradoiros do Loureiro, Campanario e Tartaruga

Este tres miradoiros están situados moi próximos entre si, a unha altitude de 300 metros sobre o nivel do mar e atópanse perfectamente acondicionados con plataformas de madeira e paneis. Desde eles pódese observar unha impresionante panorámica da ría de Pontevedra co conxunto histórico de Combarro aos nosos pés, Campelo e a enseada da Seca ao leste, Pontevedra, Marín e Bueu na marxe sur da ría e no medio a silueta da illa de Tambo.

O miradoiro de Pedra da Tartaruga recibe o seu nome da peculiar forma de tartaruga provocada pola erosión dunha das súas rochas. Neste punto tamén se poden observar algúns petróglifos prehistóricos con figuras xeométricas de círculos concéntricos e coviñas.

COMO CHEGAR LOUREIRO

COMO CHEGAR CAMPANARIO

COMO CHEGAR A TARTARUGA

MiradoIrO de Samieira

Situado a 238 metros sobre o nivel do mar, conta cun pequeno refuxio de granito que imita unha capela románica. Desde este lugar pódese contemplar unha ampla vista de toda a ría de Pontevedra.

COMO CHEGAR

Outras miradas de Poio

Outros miradoiros destacados en Poio son os de Pedra Cabalaria en Samieira, de Laño, Campelo, Cabeceira, a terraza do Centro Cultural Xaime Illa en Raxó ou o Miradoiro da Granxa, cunha espectacular vista sobre o núcleo de Raxó.