Unha grande área natural e recreativa
Poio conta con numerosos recunchos para gozar da contorna natural e de excelentes panorámicas da ría de Pontevedra.
Unha grande área natural e recreativa
Un dos espazos máis singulares é a ensenada de A Reiboa – A Seca e a súa ampla área recreativa. Situada na desembocadura de tres regueiros (Cancela, Pereiro e do Mouro), trátase dunha área natural de marisma e de marisqueo dotada de sendas para o paseo, parques infantís e instalacións recreativas e deportivas. Nesta mesma zona localízase o Parque da Memoria, deseñado polo arxentino Adolfo Pérez Esquivel, premio Nobel da Paz en 1980 e fillo adoptivo do municipio. Trátase dun monumento de seis monólitos de pedra, con figuras gravadas de Rosalía de Castro, Alexandre Bóveda e Castelao, asentados sobre unha rosa dos ventos. No centro destaca unha semente cuberta na base con cerámicas de Sargadelos, deseñadas polo artista Isaac Díaz Pardo. Xusto á beira do parque atópase a Área de autocaravanas A Seca con 10 prazas para estacionamento e servizo gratuíto de baleirado de depósitos.
Un dos maiores bosques de sequoias de Europa
Un dos lugares máis emblemáticos de Poio é a Área recreativa Monte do Castro, próxima ao mosteiro de San Xoán de Poio e dotada con asadores, mesas e bancos para sentar. Aquí atópase o Bosque de Colón, un espazo de bosque con 500 sequoias vermellas plantadas en 1992 para conmemorar o V centenario da chegada de Colón a América.
Outra área recreativa de gran interese é a de Lourido, situada moi próxima á praia homónima, con bancos e mesas de madeira, zonas de sombra e parque infantil. Na zona alta de Combarro atópase tamén Fonte Armadiña e en Samieira podemos achegarnos ata a Área recreativa del río Bois.