Poio, corazón das Rías Baixas
Poio é un municipio da ribeira norte da ría de Pontevedra, un territorio situado no corazón das Rías Baixas, entre a cidade de Pontevedra e as terras do Salnés. Un auténtico balcón á ría definido historicamente pola súa dedicación aos traballos do mar e a terra.
Declarado Municipio de Interese Turístico no 2000, a súa estratéxica posición costeira e a conexión coa principal vía de comunicación de Galicia, a AP-9, fan de Poio un lugar ideal para a visita. A través dos 34 quilómetros cadrados do termo municipal son múltiples as alternativas de lecer, cultura, aloxamento e restauración. Quen nos visita pode escoller entre máis de vinte praias; arte rupestre milenaria; un dos edificios monásticos máis monumentais de Galicia; un núcleo costeiro tradicional perfectamente conservado e rehabilitado; roteiros de sendeirismo e camiños de peregrinación a Compostela e mesmo un museo dedicado ao navegante máis universal.
Un municipio, cinco parroquias.
O concello de Poio está formado por cinco parroquias, cada unha co seu correspondente núcleo de poboación e a súa fronte costeira.
Nesta parroquia, na Área Arqueolóxica da Caeira, localízase un dos conxuntos rupestres da Idade do Bronce máis importantes do sur de Galicia, completado cun moderno Centro de Interpretación. O lugar, coñecido como Boa Vista, na ladeira do Monte da Tomba, constitúe ademais un dos mellores miradoiros sobre a ría de Pontevedra.No lugar de Portosanto pódese visitar outro dos símbolos de Poio, a Casa Museo de Colón, onde se fai un percorrido polas investigacións que afirman a orixe galega do navegante.
A enseada de Lourido, co seu paseo litoral ao longo das praias de Lourido, Polvoreira e Cabeceira, e a súa gran oferta gastronómica, fan de San Salvador un lugar idóneo para gozar do aire libre e da paisaxe.
Este é territorio do Mosteiro de San Xoán de Poio, que alcanzou gran relevancia na Idade Media grazas aos privilexios reais e ás rendas procedentes do mar e os traballos agrícolas. Polo cenobio pasan dous itinerarios de peregrinación cara a Compostela, o Roteiro do Padre Sarmiento, e a coñecida como Variante Espiritual.
Tamén son destacados os espazos naturais como o Bosque de Colón, considerado un dos maiores bosques de sequoias de Europa; a Enseada da Reiboa-A Seca, acondicionada para a práctica recreativa e deportiva.
Para os amantes do sendeirismo contamos coa Ruta dos muíños da Freixa, Senda da Ostreira ata Campelo e que enlaza co Paseo de Lourido.
O núcleo histórico de Combarro é o referente desta parroquia. Declarado Conxunto Artístico e Pintoresco no ano 1972, trátase dunha das poboacións mariñeiras mellor conservadas de Galicia. A súa arquitectura tradicional, os hórreos e cruceiros outórganlle un carácter inconfundible ao lugar.
Esta parroquia tamén ofrece uns lugares onde gozar da paisaxe como os miradoiros de O Loureiro e O Campanario, ademais do espazo natural Cuna da Moura.
En Samieira as posibilidades divídense entre o monte e a costa. O visitante pode escoller unha actividade de sendeirismo polo Roteiro dos muíños de Samieira, a través de 23 muíños hidráulicos; desprazarse ao miradoiro de Samieira para gozar dunhas impactantes vistas á ría de Pontevedra ou pasar unha xornada en familia nas Praias de Covelo ou Laño.
Outros espazos de interese son a Senda de Laño e a Pedra da Tartaruga, próxima aos miradoiros de O Loureiro e O Campanario.
A parroquia de Raxó, cunha marcada tradición mariñeira, ofrece unha ampla oferta turística en plena Ría de Pontevedra. Unha das zonas con máis animación é o paseo marítimo, no contorno do peirao pesqueiro, onde se concentran a maioría de aloxamentos e establecementos de restauración. Un dos seus maiores atractivos é a gastronomía, e na localidade hai numerosos bares e restaurantes onde degustala mentres se goza dunhas excelentes vistas da ría. Raxó conta ademais cun restaurante galardoado coa estrela Michelin.
A localidade ofrece, xunto ás praias resgardadas de Fontemaior e Sinás, as praias urbanas e accesibles de Raxó, Xiorto e Pedra Alta, de area fina e oleaxe moderado. Dende o alto de Raxó pode divisarse unha espectacular panorámica sobre a Ría de Pontevedra, co peirao de Raxó e a illa de Tambo. O seu clima suave e agradable e os atractivos paisaxísticos fan de Raxó o destino idóneo para visitar calquera época do ano.