Auga que morre no mar
A actividade dos homes e mulleres de Poio estivo vinculada desde a prehistoria aos traballos do mar e da terra. En relación cos labores agrícolas, desde a súa introdución a finais do século XVII foi fundamental o cultivo do millo pois cambiou de maneira radical a paisaxe rural de Galicia e en especial o das Rías Baixas.
Un dos elementos máis característicos desta Galicia do millo son os muíños hidráulicos que poboan as beiras dos nosos ríos e regueiros. Trátase de pequenas obras de enxeñería dotadas de moas de granito movidas pola forza da auga que convertían o gran en fariña.
En Poio hai nove pequenos cursos fluviais ao longo dos cales se dispoñen decenas de muíños que eran propiedades familiares ou comunitarias. Algúns dos exemplos máis destacados foron restaurados e pódense visitar a través de dous itinerarios: o roteiro dos muíños de Samieira (5,5 quilómetros) e o Roteiro da Freixa (1,8 quilómetros).
Inicio
Praza de Alfredo Romay Besada (San Xoán de Poio).
Distancia
5,5 quilómetros (ida e volta).
Dificultade
Baixa.
Este itinerario percorre un total de 23 muíños ao longo do curso do río Freiría, tamén chamado Rego dos Muíños ou Rego dos Frades. Segundo a tradición este nome débese a que no nacemento do río, no lugar do Busto, un nobre convertido a frade edificou un mosteiro do que non quedan restos.
A senda parte da Praza de Alfredo Romay, desde o denominado Muíño de Cubo de Abaixo e transcorre río arriba sempre pegada á beira atravesando bosques de ribeira con freixos, bidueiros, abeleiras, salgueiros e carballos. Todo o percorrido está acondicionado para o paseo por un camiño de terra con numerosas pasarelas de madeira para evitar desniveis e vadear a corrente. Existen ademais zonas acondicionadas para o descanso con mesas e bancos.
Inicio
Área Deportiva da Seca (San Xoán de Poio).
Distancia
1,8 quilómetros (ida e volta).
Dificultade
Baixa.
O itinerario comeza e finaliza na desembocadura do regueiro da Cancela, coincidindo coa área deportiva da Seca e o Parque da Memoria, deseñado polo premio Nobel Adolfo Pérez Esquivel. O percorrido transcorre río arriba e, nun tramo de menos dun quilómetro, pásase por nove muíños, dos cales sete se atopan restaurados. O coñecido como Muíño de Arriba foi ademais integramente rehabilitado con toda a maquinaria para o seu funcionamento. Ademais dos muíños son de enorme interese os pasos (pontellas) para cruzar o río, os tramos empedrados do camiño, ou as canles que conducían auga aos rodicios, como o do Muíño da Bufa de 40 metros de lonxitude.
O camiño desenvólvese por unha zona de alto valor ecolóxico, entre amieiros, salgueiros, bidueiros e carballos. Unha boa oportunidade para observar fauna variada, desde aves como lavandeiras reais, réptiles como o lagarto verdinegro ou anfibios como píntegas e ras ibéricas.